Saturday 27 de April de 2024

As persoas que participan no programa “Hortos urbanos” relatan as súas lembranzas da natureza


O Concello impartiu un obradoiro artístico e de creación literaria no marco do proxecto europeo Connecting Nature

O Centro Ágora encheuse esta tarde de lembranzas. De memorias e palabras das persoas que na actualidade están vinculadas á agricultura urbana; das súas vivencias no mar, no campo, no bosque, na montaña, en definitiva, da súa relación coa natureza.

Un total de20 persoas usuarias do programa municipal “Hortos urbanos” participaron esta tarde no obradoiro de memoria da natureza “Proceso Sarajevo”, no marco do plan Connecting Nature organizado polo Concello. No obradoiro artístico e de creación literaria, cada persoa participante levou unha fotografía da súa infancia relacionada coa natureza e redactou un texto que lle serviu para reflexionar sobre a súa vivencia. Todas e todos tiveron a oportunidade de ler o seu texto nunha posta en común tras a súa salida ao horto da Agra do Orzán.

Deste xeito, imaxes e palabras uníronse para crear da man da ilustradora Iria Fafián, e da poetisa Yolanda Castaño, unha ilustración e un poema en que nos invitaron a repensar o noso papel no futuro do planeta. Ambas as artistas animaron as persoas a reflexionar sobre a necesidade de seguir creando vínculos que nos conecten de novo coa terra que nos rodea e o seu coidado. Neste caso, nos hortos urbanos que crearon no Agra do Orzán, Eirís e Novo Mesoiro.